VIII Premio
Frei Martín Sarmiento (4ªcat, 1º e 2º ESO)
Capa-Dragal

Dragal I
A herdanza do dragón

Hadrián herda do seu pai un antigo medallón de metal en estado vivo, co gravado dun dragón. Esta será a chave coa que o noso protagonista  abrirá as portas para descubrir a Dragal e cumprir co seu destino.

Na procura de respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura.



 
 

O soño de Dragal

Poucos personaxes lendarios perviven na memoria colectiva con máis intensidade que os dragóns, uns seres que rozan a divindade.

En todo o mundo, en todas as épocas, existiron lendas sobre esta figura, que traspasou o eido da transmisión oral para ocupar espazos propios nos textos sagrados e na iconografía universal.

Os dragóns están presentes nos templos cristiáns e budistas, en textos hebreos e musulmáns. E, por suposto, tamén en Galicia. Tan preto que en moitas ocasións non temos conta deles.

Mais, que acontecería se o dragón de pedra situado
na fachada dunha vella igrexa románica cobrase vida?
E se ese dragón gardase o segredo dunha profecía milenaria, e esta se cumprise no século XXI, encarnada no noso protagonista?

Igrexa de San Pedro ©Miguel Abad

Dragal xurdiu desta idea básica: crear a historia dun rapaz que se transforma en dragón, mais co valor engadido de inserirlle tradicións e mitoloxías galegas. "No primeiro volume da triloxía, sen abandonar a perspectiva do mundo real no que vivimos, puiden crear un universo propio e modelar unha ficción fantástica que pretendía conquistar lectores de todas as idades", explica a súa autora, Elena Gallego Abad.

Daquela, o relato desenvólvese nun escenario que podería atoparse en calquera vila da costa: na aula dun instituto dende a que temos unhas privilexiadas vistas sobre unha vella igrexa románica, San Pedro, que conecta cunhas catacumbas cheas de segredos e que agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego.

Nas páxinas de Dragal atopamos profecías milenarias e ordes de cabaleiros medievais, mergullámonos nas augas dunha Poza da Moura e vivimos moitas aventuras cos seus protagonistas, Hadrián, Mónica e o párroco, don Xurxo.


 
DRAGAL ®

© Elena Gallego Abad 2013


  Site Map