Letras_Dragal_con_luz
 
AS FONTES DA SABEDORÍA


     "Cando precises respostas, consulta nos teus libros".
     Mónica sempre tiña moi presente aquel vello consello que recibira nalgún momento da súa infancia. Había xa tanto tempo que non lembraba quen llo dera, pero iso era o de menos. A moza recordaba acotío aquela recomendación, unha das máis atinadas que recibira.
     "Cando precises respostas, consulta nos teus libros".
     E sempre fora así, mesmo cando se metera naquela tola aventura de Dragal. De  feito, de non ser por aqueles dous volumes que agora gardaba nun andel do armario, agochados entre as sabas, posiblemente Hadrián e ela nunca desvelarían a existencia do dragón nin revelarían o emprazamento do seu templo.
     "Cando precises respostas, consulta nos teus libros".
     Posto que xa estaba de vacacións, a moza tiña toda a mañá por diante para as súas cousas. Ademais, como acontecía todos os sábados, os seus pais saíran a facer as compras da fin de semana, así que durante un par de horas gozaría de toda a tranquilidade do mundo. Aínda así, Mónica pechou o cuarto con chave antes de sacar os vellos tomos do seu agocho e pousalos sobre o leito co máximo coidado.
     Na primeira folla de pergameo de Secretos de Alquimia atopouse coa ollada das imaxes que formaban a letra capitular da palabra Alquimia. Mago e meiga fixéronlle pensar no seu amigo Hadrián e nela mesma, mais axiña rexeitou o parecido con aquelas figuras que brindaban cun cáliz de lume.
     Pero o certo é que estaba moi preocupada polo seu amigo. Levaba dous días sen ter noticias del, sen percibir a súa presenza nin manter ningún contacto telepático. A incerteza medrara despois de achegarse á súa casa, para darlle as cualificacións da avaliación, e atopar a vivenda pechada a cal e canto.
     A moza durmira mal aquela noite e tivo un soño estraño no que a súa boneca Nancy, na que agochara o ovo alquímico, cobraba vida para logo sufrir un desacougante ataque ao corazón. No pesadelo, a propia Mónica vírase a si mesma disfrazada de enfermeira, cun uniforme tamén de boneca, asistindo a un médico cuspidiño a Justin Bieber que trataba de reanimar o corpo de goma como acontece nas series da televisión.
     Cando espertou, xa de mañanciña, o primeiro que fixo foi comprobar que o estoxiño con forma de dragón permanecía no seu agocho. E alí estaba, si, o ovo alquímico, pero desta vez a superficie marmórea perdera o seu brillo natural. Preocupada polo aspecto da pedra animada, que agora semellaba un vulgar obxecto de bixutería barata, Mónica intuíu que algo estaba a saír mal no proceso de metamorfose.
     E, por se isto non fose suficiente, ao saír da ducha descubriu que o ouroboros do seu antebrazo era apenas unha sombra da tatuaxe que lle inoculara Hadrián, como se nas últimas horas destinxira.
     Que estaba a acontecer?
     "Cando precises respostas, consulta nos teus libros".
     Pois agora, a soas no seu cuarto, tiña a oportunidade de mergullarse naquelas páxinas prohibidas para o común dos mortais. Se non podía falar con Hadrián, tería que atopar axuda nas verbas escritas polos seus devanceiros.
     Que buscaba Mónica? Un esconxuro para protexer a esencia humana do seu amigo, un antídoto contra a maxia de Dragal, algunha pista sobre o seu futuro máis inmediato? A ciencia certa non o sabía, pero o ruxir do pergameo entre os dedos, o tacto da pel antiga, o recendo da tinta vella que enchía aquelas páxinas centenarias, provocáballe unha sensación marabillosa.
     Consultar aqueles vellos manuais, enfeitados dun xeito primoroso, era un pracer para a vista. Acceder ao coñecemento agochado no seu interior, un privilexio para mentes inquedas como a súa.
     A moza regresou ao relato de frei Paulo de Misteri e deixouse engaiolar de novo pola historia da igrexa de San Pedro, naquel libro que gardaba noticias da orixe do templo dende a primeira capela levantada sobre a cripta do dragón.
     Devagar, comezou a repasar o intricado manuscrito polos primeiros capítulos, cheos de ilustracións. Interesáballe, sobre todo, aquel que falaba da intervención sobre a estrutura do edificio para anular a maxia do dragón e impedir o seu profetizado retorno. Na Idade Media, os inimigos de Dragal modificaran a cuberta da igrexa para inserirlle a dobre bóveda da Apocalipse, representando o triunfo da Virxe sobre o dragón de dez cabezas, alegoría da vitoria do ben sobre o mal.
     Agora, como consecuencia do incendio, aquela imaxe esvaecera baixo un manto de feluxe. Mónica imaxinou que os efectos do lume ían máis aló dos danos visibles na vella igrexa. Talvez influísen na correlación de forzas sobrenaturais que actuaban naquel contorno máxico dende tempo inmemorial.
     "Cando precises respostas, consulta nos teus libros"
Paseniño, interpretando grafía tras grafía, a moza foi transcribindo ao seu caderno os interesantes apuntamentos que De Misteri fixera sobre o pergameo.

     Os primeiros reis suevos que gobernaron Galicia adoraban a Dragal. Os seus exércitos levaban o dragón no estandarte, do mesmo xeito que os cruzados converteron a Cruz no seu emblema.
     Pero a cristianización destas terras supuxo a persecución do dragón e da súa maxia, a prohibición do culto a Dragal, a ocultación das súas reliquias e a dispersión das claves da Ciencia Secreta que posibilitan o cumprimento da profecía.


     Mónica imaxinou que as "reliquias" ás que se refería o texto sería aquel pelello de escamas que Hadrián e mais ela atoparan na cripta. En canto ás claves da Ciencia Secreta…, o ovo alquímico estaba no seu poder, pero a desaparición do cristal mestre e do pergameo, que don Xurxo gardaba na sancristía, abriran novas incógnitas.
     Quen estaba interesado en que non se cumprise a profecía?
    
     "O único xeito de evitar que Dragal recobre a vida é impedir que os cabaleiros da orde de Dragal reúnan a Fraternidade.
     Con este obxectivo, a Igrexa reformou o orixinario templo de Dragal e converteuno nunha igrexa cristiá. Mentres, os dragalianos víronse obrigados a agochar o seu culto nas mesmas catacumbas que utilizaran os primeiros cristiáns.
     As persecucións decimaron os seareiros do dragón, de tal xeito que a súa presenza na Gallaecia quedou relegada ás lendas".
(...)



 
DRAGAL ®

© Elena Gallego Abad 2013


  Site Map