Coñeces un blogue ou páxina web que conteña información sobre Dragal?


Fainos chegar o seu
enlace

 

A NOSA TERRA DIARIO

CRÍTICA XOSÉ MANUEL EIRÉ

Fresca aínda na memoria a primeira entrega do dragón galego, chega agora a segunda parte das andanzas de Hadrián/Dragal, Mónica, Brais, o cura de San Pedro e demais compaña.

Se na primeira parte sinalabamos como pexas o feito de ser toda a novela un punto de inicio -pois o percorrido deste proxecto excede o continente dun único título- non desaparece esta circunstancia, obviamente, xa que tampouco dous volumes chegan, nesta nova entrega.

Detémonos neste comentario porque para o lector resulta información moi pertinente, pois adoita estar habituado a unha estrutura narrativa clásica onde o remate climático ten moita forza.E aínda máis tratándose preferentemente de lectores en formación, con non demasiadas lecturas de bagaxe e seguramente case todas seguindo esa estrutura clásica.

Á súa vez, tamén este feito condiciona a crítica. Non é o mesmo escribir sobre o todo que sobre a parte. E aínda queremos engadir unha cousa máis: a autora demostra gran valor ao atreverse con este proxecto narrativo que nas partes non se axeita totalmente á estrutura narrativa clásica, fiando no efecto final do conxunto cando os lectores poden ir quedando no camiño.

O clima que marca a narración, tanto na anterior entrega coma nesta, é o do misterio, moito máis que o da aventura. A engádega dunha personaxe máis con moita incidencia no posíbel futuro de Hadrián/Dragal –o policía Cortiñas– (home cun estatuto narrativo difuso, entre coadxuvante e posíbel antagonista), así como a consolidación ou incremento no protagonismo doutros (nai de Hadrián, o cura de San Pedro), é tamén reseñábel. Nunha novela onde as implicacións temáticas, típicas e tópicas e non por iso menos importantes para este tipo de lectores, presentes na primeira parte (a soidade, ou a integración e marxinación, a amizade, a carón da colaboración e as primeiras experiencias amorosas) perden a vixencia que tiveran, manténdose sempre na memoria dos lectores fieis á serie, mais desaparecen para os que se incorporen nesta segunda entrega.

Como novidade, agora aparece a vinganza
.

Se na primeira parte sinalabamos como un acerto o proceso de metamorfose, o primeiro que hai que dicir é que esta segunda entrega se centra, como adiviñarán despois do título destas liñas, nos perigos e problemas do cambio, nas consecuencias de que Dragal se impoña a Hadrián ou que Hadrián se impoña a Dragal, é dicir: na dualidade entre a perda da humanidade e a perda da animalidade mitolóxica asociada ao mundo alquímico e aos misterios da propia natureza humana ao fondo.

Se se quere, dun xeito difuso, na dualidade entre o ben e o mal, sempre entendida como unha polarización existente mais na cal non se tematiza a total oposición entre os dous pólos. Ou entre a relixión e a superstición. Ofrecendo un atraente abano de desviacións/implicacións temáticas ou subtemas que non se tratan senón que se deixa na man do lector.

Como é lóxico pensar, despois do dito, a sombra stevensoniana do Estraño caso do Dr, JecKyll e Mr. Hyde non só se intúe senón que percorre todo o discurso. Visto o visto, isto era agardábel.

O que non será agardábel, precisamente porque os lectores seguramente esperan todo o contrario, é a ausencia de peripecias dun Dragal/Hadrián que máis que personaxe protagonista, neste segundo título, é personaxe obxecto; máis que protagonizar aventuras, sófreas. Os lectores terán que seguir agardando novas entregas para iso.

Non podendo ler as aventuras do dragón, a novela fíase, ao longo das case 350 páxinas, na intriga, no misterio que rodea a figura de Dragal, tratando de desvelar o posicionamento das personaxes con respecto ás posíbeis repercusións que poida haber na metamorfose entre Hadrián e o dragón, tendo en conta que poucos son os que están no coñecemento de que esta se producirá, que o segredo debe ser mantido mentres outras conspiracións paralelas, contra Hadrián, se van tecendo.

Contado todo por un narrador omnisciente, que vai contando/describindo unha acción que se desenvolve en liña, dado á descrición e con querenza polo circunloquio.

Evidentemente, fica por saber como funcionará, no conxunto da serie, esta parte, que parece querer levarnos cara a unha apoteose espectacular.


 
DRAGAL ®

© Elena Gallego Abad 2013


  Site Map