Coñeces un blogue ou páxina web que conteña información sobre Dragal?


Fainos chegar o seu
enlace
 

LA VOZ DE GALICIA-EDICIÓN OURENSE

Din que o segundo disco dun grupo é o difícil. A metamorfose do dragón é o segundo título dunha triloxía de Dragal, o último dragón galego que estes días é novidade editorial en Xerais.

"Aos rapaces, como aos adultos, segue gustándolles a fantasía"

"Quixen mesturar a maxia, os dragóns e os cabaleiros, pero desde Galicia"

REDACCIÓN, Ourense

—¿O segundo volume da triloxía segue as premisas do primeiro?

—Aínda que poden lerse por separado, os tres volumes formarán unha historia con continuidade. As premisas foron as mesmas e escribino coa idea de non defraudar. Os personaxes, Adrián e o dragón, van evolucionando, pero este segundo volume comeza xusto no final do primeiro. A historia evoluciona, pero a intención era a mesma que cando escribín o primeiro volume: facer fantasía a partir das historias e das tradicións fantásticas galegas. Quixen mesturar a maxia, as historias de dragóns coa fantasía, tamén os alquimistas e tamén as historias de cabaleiros, pero todo desde a perspectiva galega e aproveitando tanto as lendas como a historia galega.

—A historia está orientada aos rapaces novos. ¿Cre que a fantasía cambiou para eles?

—Eu creo que cada rapaz ten a súa propia fantasía. Esta é unha novela de dragóns, pero non é unha novela ao uso. Non quería escribir unha historia habitual, quería que fose fantástica pero que fose dunha fantasía nosa e que por ese lado os lectores se achegasen a un tipo de fantasía que utiliza a historia da fantasía galega nos últimos mil anos. Creo que iso pode conectar coa fantasía dos rapaces agora.

—Pero parece que agora manda o tecnolóxico…

—Non creo que sexa tanto así. Aos rapaces, como aos adultos, segue gustándolles a fantasía aínda que utilicen a tecnoloxía. Nós temos que ser rapaces e creo que para a fantasía seguimos sendo algo rapaces.

—¿Pero é fácil poñerse na pel dun rapaz?

—Ás veces levas sorpresas, non podo pensar como un rapaz de 15 anos como o protagonista, aínda que tento meterme en cada un dos personaxes.

—Cando se ten previsto escribir unha triloxía, ¿hai que disciplinarse moito respecto ao plan trazado?

—Este é un libro en tres volumes, pero os personaxes gozan de liberdade. Teño unhas liñas básicas e un marco no que se move a historia. Unha vez que a historia non se sae desas pautas, ás veces me sorprendo dos personaxes, que me levan a onde non esperaba. Na historia temos os cinco elementos e unha continuidade que manter, pero niso queda moito territorio e a historia pode dar xiros sorprendentes.


http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2011/05/10/00031304979910995192919.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz


 
DRAGAL ®

© Elena Gallego Abad 2013


  Site Map