Coñeces un blogue ou páxina web que conteña información sobre Dragal?


Fainos chegar o seu
enlace

 

FARO DE VIGO-FARO DA CULTURA

Potencia argumental

Amizade, amor e compañeirismo

PAULA FERNANDEZ

Con Dragal II. A metamorfose do dragón chega a segunda entrega dunha triloxía -a anterior entrega fora Dragal I. A herdanza do dragón- na que Elena Gallego Abad (Teruel, 1969), considerada xa por algúns como a Rowling galega, continúa a historia e mais as aventuras de Hadrián, o adolescente que, tras a morte en estrañas circunstancias de seu pai e grazas a un medallón, descobre o seu fantástico destino: converterse no último dragón galego.

Porén, os obstáculos son inevitables -esencialmente, nesta sorte de novelas- e agora Hadrián debe protexerse de Dragal, que quere absorber a materia gris do seu cerebro.A axuda de Mónica e Don Xurxo será fundamental para o protagonista desta historia de reminiscencias medievais universais onde dragóns, profecías, cabaleiros, catacumbas e segredos milenarios, en lugar de existiren en mundos paralelos -sen dúbida a opción máis doada-, son trasladados ao século XXI.

Motivos xa recorrentes na literatura xuvenil de corte fantástico, que se actualizan en Dragal ao inserilos na tradición galega ou ao revés, de maneira que a cultura de noso está presente en diversos aspectos que van dende a escolla de espazos tan característicos como a Poza da Moura até a idiosincrasia dos protagonistas.

Aventuras de adolescentes, que parten dunha potencialidade argumental apoiada nun ritmo áxil, con valores e sentimentos inherentes a estas entre os que cómpre salientar a amizade,o amor e o compañeirismo, que veñen encher o interese e a demanda obxectiva de lectores satisfeitos despois da primeira entrega desta serie.


 
DRAGAL ®

© Elena Gallego Abad 2013


  Site Map