Coñeces un blogue ou páxina web que conteña información sobre Dragal?


Fainos chegar o seu
enlace

 

FARO DE VIGO-EDICIÓN MORRAZO

NA BÚSQUEDA DO ÚLTIMO DRAGÓN GALEGO

A xornalista Elena Gallego presenta hoxe en Fecimo a súa primeira novela, "Dragal"

Decidiu afastarse das tarefas profesionais, como responsable comercial de FARO no Morrazo, máis centradas na publicidade e na información, para adentrarse no mundo da ficción. Elena Gallego presenta hoxe a súa primeira novela Dragal nun acto na sede da Federación de Comerciantes, en Cangas, as 20.00 horas. Inspirada no seu fillo, a novela relata as cousas que lle pasaban a un rapaz de dezaseis anos e a súa especial relación cun dragón

GONZALO MARTÍNEZ PORTELA/ FARO DE VIGO

Acaroado na igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elidido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego?

Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumplir o seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só gracias á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que, moitos séculos atrás, os Cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el.

É a sinopse de "Dragal", a primeira novela que publica Elena Gallego, responsable comercial de FARO no Morrazo. O resultado preséntase hoxe ás oito da tarde na sede de Fecimo en Cangas, e contará coa presenza do editor de Xerais, Manuel Bragado.

O punto da partida para emprender esta viaxe literaria atopouno na casa. "Teño un fillo que se chama Adrián, case como o protagonista da novela", sinala a autora, "e góstalle a literatura fantástica e todo o relacionado cos dragóns". Así que decidiu facer unha novela deste tipo, pero cos elementos fantásticos que ten Galicia, moi rica neles. Hai historias de Harry Potter, de vampiros, de moitos protagonistas imaxinarios, pero faltaba unha nutrida na tradición literaria propia, donde non faltan a herdanza oral ou autores tan fantásticos como Cunqueiro ou Manolo Rivas. "As historias que lle gustan ao meu fillo son foráneas, e eu quería escribir unha nosa que tamén lle gustara", xustifica. Así que comezou a relatar as cousas que lle pasaban a un rapaz de 16 anos, en cuarto curso de ESO, e a súa especial relación cun dragón.
O protagonista ben podería ser do Morrazo, e mesmo hai lugares que remiten a estas terras, como a Poza da Moura, aínda que a autora deixa claro que, aínda coa coincidencia toponímica e de estar ambientada nun pobo costeiro, os escenarios son fantásticos.

Dragal móvese na fantasía, pero misturada con situacións reais e referencias actuais, donde non faltan os conflictos de rapaces de instituto, o mobbing, os problemas cos profesores… Nin tampouco referencias á arquitectura popular galega, como é a descrición da igrexa de San Pedro.

A historia que comeza cun dragón chiscándolle o ollo desde a torre desa igrexa a un rapaz que está na escola vaise fraguando con outros elementos que lle van dando claves, como un singular medallón e a axuda da súa compañeira Mónica para investigar nos libros e tamén na Internet.

Aínda que os adolescentes poden sentila máis súa -a obra foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia 2009 de novela xuvenil-Dragal é unha obra para todos os públicos que lle guste a fantasía, os dragóns, as tradicións e a cultura galegas. E como non era posible contalo todo nas 260 páxinas deste volume de capítulos cortos e fácil lectura, e tamén porque os seus personaxes llo pediron, detrás virán outras dúas entregas, xa que a autora ten comprometido con Edicións Xerais unha triloxía.

No segundo xa está traballando, e cre que aínda vai sorprender máis cando desembarque nas librerías o próximo ano. Ademais, Elena Gallego ten unha novela histórica buscando a súa oportunidade e outra proposta na que leva unha década traballando. Pero agora toca Dragal.


 
DRAGAL ®

© Elena Gallego Abad 2013


  Site Map