Dragal II, a metamorfose do dragón

CAPÍTULO XVI

 

AGARDANDO O MILAGRE

(...)

-Dende o principio dos tempos os alquimistas procuraron a pedra filosofal, un obxecto máxico que, de existir, tería un poder inmenso. Como paso previo para obter a pedra é preciso condensar a sabedoría da Ciencia Secreta nun ovo alquímico e logo...

- E se os cabaleiros da Orde de Dragal custodiaban ese ovo alquímico? - interrompeu Mónica.

Don Xurxo pareceu sorprenderse.

- No interior do estoxiño?  Ben, podería ser. Mais, polo que puiden descubrir ata o de agora, só un dos grandes alquimistas da historia, o famoso Flamel, foi quen de acadar a Pedra Filosofal.

O crego calou de súpeto e a súa faciana iluminouse cun sorriso, sorprendendo por completo á súa acompañante.

- Claro que si! Cómo non o vin antes? Flamel e Dragal... Extraordinaria coincidencia!

Agora a admirada foi Mónica.

- Coincidencia? Existe acaso algún tipo de relación entre o alquimista Flamel e o noso dragón?

Don Xurxo sacou do peto o seu caderniño de misas, cheo de apuntes.

- Eu non caera na conta deste último detalle, pero todo encaixa! Verás, estiven estudando na casa o pergamiño que achamos no cofre. Está escrito en latín medieval e só puiden ler uns parágrafos soltos, que ao principio non me tiñan moito sentido. Pero despois descubrín que ten un certo parecido cun texto moi famoso, que recollen distintos breviarios da época.

Mónica achegouse ao sacerdote, tratando de ler aquela escrita miúda.

"tibi dedit notitiam magnae coelestis curiae".

deuche noticias a gran curia celeste

"corpus status conditur draco magnus…"

conservaron o estado do corpo do gran dragón...

- Que queren dicir estes parágrafos? - preguntou.

Don Xurxo gargarexou e mirou ao redor para comprobar que non había ninguén que puidese escoitar as súas verbas. Polo corredor do hospital transitaba moita xente pero alí, ao fondo, estaban sos.

- Buscando nos meus libros atopei distintos documentos que me puxeron sobre a pista. Existen algunhas semellanzas entre o pergamiño da Orde de Dragal e certo relato recollido pola Igrexa de Santiago, que moitos poñen en cuestión precisamente porque fala dun dragón. A historia considérase falsa dando por suposto que os dragóns non existiron nunca. Supúxose que se trataba dunha invención da época medieval para xustificar e darlle unha certa credibilidade… á aparición dos restos do Apóstolo en Compostela.

A rapaza mirou ao cura con estupor. Estaría bébedo? Non, claro, que cousas! Tiña o rostro de cansazo, pero semellaba plenamente convencido.

- A aparición do Apóstolo Santiago? Miña nai! Vostede pensa que…?

- Que os dragóns existen?- rematou o cura, mirándoa fixamente aos ollos e devolvéndolle a pregunta.

Sen apartarlle a vista, Mónica tatexou unha resposta.

- Dragal... Non sei... Non sei se é un dragón ou o demo personificado, pero Dragal é real - recoñeceu.- Pero de aí a que teña unha relación co achado deses restos en Compostela...

O párroco asentiu.

- Se lembras a tradición, despois da morte de Xesús un dos seus apóstolos, que coñecemos como Santiago o Maior, veu predicar a España, onde contactou con sete discípulos que despois o acompañaron no seu regreso a Xerusalén. Alí foi decapitado por orde de Herodes Agripa e, se facemos caso da lenda, aproveitando a noite os seus seareiros recolleron o corpo para embarcalo, no porto de Jaffa, nunha nave abandonada. Grazas ás correntes mariñas, aos ventos favorables, pola intervención dos anxos ou guiándose das estrelas, como queiras, o caso é que a embarcación atravesou o Mediterráneo, bordeou Portugal e chegou a terras galegas...

- Á cidade de Iria Flavia! - lembrou a moza.

- "Navi deductus Iriam", exacto! O breviario compostelán relata que, unha vez desembarcaron cos restos do Apóstolo, os seus discípulos os pousaron sobre unha rocha que milagrosamente quedou impresionada coa figura do corpo santo. Pero os seareiros de Santiago querían darlle unha sepultura como se merecía, así que se presentaron diante da muller máis poderosa do lugar para pedirlle que lles cedese un terreo axeitado.

Mónica lembraba o relato que, dende logo, semellaba bastante fantástico.

- Esa muller é a que pasou á historia coma a raíña Lupa?

Don Xurxo asentiu.

- Para algúns era unha raíña, para outros só unha muller nobre que posuía moitos cartos e terras, pero sen ningún tipo de sangue azul. En calquera caso, os discípulos presentáronse nos seus dominios para pedirlle axuda.

- E ela, no canto de cederlle un lugar para sepultar ao Apóstolo, vai e lles bota un dragón! - interrompeu a moza.

- Ben, non foi así exactamente. Se lembramos o relato do bispo Teodomiro, que data do século IX, primeiro a Raíña Lupa rexéitaos enviándolles a un príncipe para que os aprese... Aínda que quizás tampouco fose un príncipe. O caso é que un anxo os libera e na súa fuxida prodúcense unha serie de prodixios, entre eles o derrube dunha ponte, que os axudan a escaparen. Pero os discípulos manteñen a súa teima de sepultar ao Apóstolo naquelas terras ás que os guiaron as estrelas e volven pedirlle a Luparia que lles ceda un lugar axeitado para o enterramento. Insistiron tanto que a muller acepta e, asemade, lles cede un carro para transportar os restos...

- Pero os bois que lles ofrece para guialo, e que os discípulos tiñan que ir buscar a un monte, resultaron ser touros bravos!

- A partir de aí é onde a  historia perde a credibilidade e se converte nun acto de fe. A lenda condúcenos ao Pico Sacro, un lugar que estaría custodiado por un dragón. O relato en latín, do que atopei distintas versións, mantén que os discípulos de Santiago deron morte a esta criatura antes de xunguir aos touros, que amansaron de inmediato, e proseguir o seu camiño ata o lugar do enterramento.

Mónica non podía saír do seu asombro.

- E que relación tería Dragal con esta historia?

(...)


 
DRAGAL ®

© Elena Gallego Abad 2013


  Site Map