Coñeces un blogue ou páxina web que conteña información sobre Dragal?


Fainos chegar o seu
enlace

 
EL CORREO GALLEGO

O mundo imaxinario de "O renacemento de Dragal"

GEOVANA GENTILI

A escritora turolense Elena Gallego incorpora ao galego a obra finalista do Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil

Nos últimos anos, observamos a constante recorrencia ao universo mitolóxico nas publicacións destinadas aos mozos (aquí, deixamos de lado o aspecto fronteirizo inherente ao xénero xuvenil). Así, historias con protagonistas bruxos, dragóns, lobishomes, vampiros e outros seres sobrenaturais poboaron o imaxinario dese público e, como exemplos máis recentes, podemos mencionar a saga do bruxo Harry Potter, de J. K. Rowling e a dos vampiros, en Crepúsculo, de Stephenie Meyer.

Seguindo esa vertente, Elena Gallego Abad (Teruel, 1969) incorpora ao sistema literario galego Dragal. A herdanza do dragón (2010), obra finalista do IV Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009, que se publicou na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais de Galicia, primeira entrega dunha futura triloxía. Como o propio título suxire, a temática do libro incide no renacemento do último dragón galego.

Nun día normal de aulas, Hadrián descobre, na fachada da igrexa de San Pedro, a presenza dun dragón que se asemella a unha das caras presente na medalla que herdara de seu pai. A partir dese momento, a presenza do dragón forma parte do imaxinario do mozo estudante e as lembranzas dos contos narrados por seu pai na súa infancia adquiren novos significados.

Hadrián xunto á súa amiga Mónica inician un proceso de investigación coa finalidade de entender a relación existente entre os dous obxectos, buscando máis informacións referentes ao misterioso dragón.

En consonancia coa temática, a estrutura dada ao libro é similar á da narrativa detectivesca, na que os personaxes son os encargados de relacionar os diferentes elementos descubertos na tentativa de cubriren as lagoas existentes na trama.

Nese sentido, verificamos que esas "pistas" se converten nun recurso narrativo estimulante e orientador do texto, conducindo tanto o protagonista coma o lector ao punto máximo da historia, na que se dá o encontro e a fusión de Hadrián co dragón nas catacumbas da igrexa de San Pedro.

A pesar da mestura identitaria, moitas preguntas permanecen abertas: "Quen é Dragal e que quere? Quen decidiu que eu debo ser o Gran Mestre dunha orde da que ninguén máis sabe nada? Como vai rematar todo isto?" (p. 151).

Malia que a obra de Elena Gallego Abad recorra ao universo mitolóxico comunmente empregado nas publicacións destinadas aos mozos, o seu discurso literario diferénciase por incorporar a ese tipo de escritura elementos identitarios galegos.

Dese modo, o prestixio de Dragal incide no feito de crear un universo marabilloso conforme á cultura de Galicia.

Agora quédalle ao lectorado esperar a continuación desa triloxía e coñecer que simboloxía do dragón será abordada nos demais volumes da saga: a da perspectiva cristiá -da forza do mal- ou a da alquimia -do poder e da forza-.


 
DRAGAL ®

© Elena Gallego Abad 2013


  Site Map