XORNAL DE GALICIA - SUPLEMENTO CONTEXTO A fantástica historia da J.K. Rowling galega HÉCTOR J. PENA
Xerais
tira do prelo 'Dragal: A metamorfose do dragón', a segunda parte dunha
historia que naceu como un conto para un fillo que só lía, precisamente,
a 'Harry Potter'.
Harry Potter é o nome dun rapaz que protagoniza un
dos maiores éxitos editoriais da historia. Con máis de 500 millóns de
copias vendidas (dende a publicación do primeiro título, A pedra
filosofal, no ano 1997), os libros da saga do neno meigo son os
responsables de crear toda unha xeración de lectores nun tempo no que as
letras tiñan perdida a batalla fronte á televisión, internet ou as
videoconsolas.
Porén, o mundo que habita Harry Potter é 100% británico, como así reflicten as súas localizacións. Sirvan
como exemplo o Castelo de Alnwick, onde se sitúa Hogwarts nos filmes,
ou o comedor da escola de maxia, que na vida real pertence ao Christ
Church College's de Oxford.
Por iso, tomando como referencia ese
mundo de fantasía, a xornalista Elena Gallego Abad pensou que ela tamén
podería levar a cabo a súa propia novela de aventuras e fantasía, pero
creando un universo netamente galego. E así naceu Dragal.
A autora
explica que no momento no que empezou a escribir, o seu fillo tiña en
torno a 15 anos, unha idade na que os rapaces teñen aínda moitas ansias
por devorar fantasía. O problema para ela era que se deu de conta de
que todos os títulos que lía o neno eran "en castelán ou de autores
foráneos traducidos, como o caso de Harry Potter, había moi pouca cousa
en galego".
"Así foi como se ocorreu a idea dunha historia para dar vida a un dragón galego", explica Elena Gallego. O
obxectivo da autora, unha vez concibida a idea, foi "demostrar que se
podía contar coas tradicións galegas para facer unha fantasía
interesante", e así foi como veu a luz o conto do último dragóngalego, que ten uns fondos alicerces nas tradicións do país, que son realmente fantásticas.
Non
obstante, a autora enfrontouse con outro reto: o editorial. "Eu quería
escribir un libro fantástico, si, pero unha vez feito queres publicalo, o
que en Galicia é moi difícil, sobre todo cando non se é coñecido nos
circuítos literarios, pero para iso están os premios de literatura
fantástica en Galicia, para que todos o podamos intentar", expón. Por
iso, quedar finalista na edición 2009 do Premio Caixa Galicia de
Literatura Xuvenil foi fundamental para que Dragal chegase a ver a luz.
Pouco
despois do seu éxito no concurso, no 2010, a editorial Xerais lanza
Dragal: A herdanza do dragón no marco da colección Fóra de Xogo. Esta
primeira parte conta a historia de Hadrián, un rapaz aparentemente
normal, pero que está destinado a converterse no último dragón galego.
Nesta novela danse cita dende elementos do imaxinario fantástico galego,
como un templo medieval ou certos poderes máxicos, até os valores que
son recorrentes nesta clase de traballos destinados a un público
xuvenil, como o compañeirismo ou a amizade, que nesta primeira entrega
de Dragal representan Don Xurxo, o sacerdote da parroquia e Mónica, unha
compañeira de clase de Hadrián.
Non
obstante, a nai da criatura considera que, se ben o público obxectivo
de Dragal son os mozos, o texto "ten cousas que lectores de 50, 60 ou 70
anos me teñen dito que son interesantes, pois abordo temas, por
exemplo, de arquitectura e de historia, como o románico tradicional
galego. Ese é un valor engadido que gusta e sorprende a moita xente".
A SEGUNDA PARTE, XA DISPOÑIBLE
Con
respecto ao éxito acadado pola primeira parte de Dragal, a súa
responsable síntese moi satisfeita, pero recoñece, sincera, que non o
esperaba. "Non pensaba que ía triunfar tanto, pero mentiría se dixese
que non soñaba con iso. O certo é que me sorprendeu grata e
positivamente", sinala Elena Gallego, que considera que co éxito "o
libro deixa de ser do seu autor e comeza a ser dos lectores".
Asemade,
a escritora considera a labor creativa que hai detrás de Dragal "todo
un reto". "É unha historia protagonizada por un dragón e ambientada na
vida actual do século XXI, é moi complexo manter en pé a historia e
buscar as coartadas necesarias para que o dragón poida seguir vivindo na
vida e tempo real".
Por outra banda, Gallego afirma que "hai moito
esforzo documental no texto" e, ademais, recoñece que "en cada capítulo
tento sorprender o lector, pois eles saben que teñen que chegar a un
punto e hai que darllo. Ás veces fago o que debo e lévoo directamente,
outras veces métome nun compromiso e teño que ver logo como saio de
alí...", indica a autora entre risos.
Con respecto á elaboración da
segunda parte da historia, Dragal II: A Metamorfose do Dragón, que xa
está dispoñible nas librarías do país, Gallego Abad apunta que "cada vez
é máis difícil afondar na historia", e explícao establecendo un
paralelismo coas pequenas mentiras dos nenos pequenos.
"Eses contos,
canto máis grandes se van volvendo máis custa mantelos. A min pásame
algo parecido, porque canto máis grande é o libro máis me custa
desenvolvelo, porque son moi esixente comigo como escritora e quero que
cada libro sexa, cando menos, tan bo como o anterior, se non superalo".
A
xornalista di que nas páxinas do novo volume de Dragal, este decatase
por primeira vez na súa milenaria historia de que existe certa
limitación nos seus poderes, e para poder superala terá que absorber a
materia gris do cerebro de Hadrián, e así acadar a simbiose coa súa
alma. Don Xurxo e Mónica acadarán maior protagonismo nesta segunda
parte, pois terán que tratar de salvar o seu amigo. "Esta segunda parte
ten de todo: unha orde de cabaleiros medievais, máis referentes da
cultura mitolóxica ou o alquimista máis coñecido de Galicia", expón
Elena Gallego Abad.
Con respecto á terceira parte, a escritora
adianta para Xornal de Galicia que a súa idea é que estea na rúa en
abril ou maio de 2012. "Cando empecei a escribir a saga de Dragal dinme
de conta de que quedara curta. Entón, a partir do segundo libro, empecei
a deseñala como se se tratase dunha triloxía, na que se poidan ir dando
respostas a todas as preguntas que vou deixando, para que os lectores
sintan as súas expectativas colmadas", explica a escritora, que parece
ter ten un obxectivo ben diferente a, por exemplo, o dos guionistas de
Lost.
DRAGAL, UNHA AVENTURA UNIVERSAL
A
súa responsable considera que Dragal "é unha fantasía universal, porque
os dragóns existen en todas as culturas. Eu estiven en China, e alí
teñen dragóns; na cultura dos Estados Unidos hai dragóns moi importantes
e ,de feito, nas principais igrexas de Nova York, como San Patricio ou
San Xurxo, teñen o seu dragón correspondente. Tanto a cultura cristiá,
como a árabe ou calquera outra, ten dragóns, así que creo que por esa
parte funcionaría en todo o mundo".
Cuestionada sobre a posibilidade
de que a súa novela cruce os Ancares e sexa traducida a outros idiomas,
como o español, Gallego Abad está segura de que, se se dese esa
posibilidade, Dragal "funcionaría como o que é, unha aventura xuvenil
deseñada para uns rapaces que investigan, pescudan, tentan descubrir os
segredos de por que pasa isto ou o outro".
"O que pasa", sinala Elena
Gallego, é que "eu escribo en galego porque foi como soñei Dragal,
porque se non fora pola nosa cultura e tradicións, o libro non
existiría. Ademais, para traducilo a outras linguas ten que haber alguén
a quen lle interese, un interese editorial. Quizais algún día apareza
ese interese que eu creo que debe merecer. Chegado ese momento poderase
ler noutras linguas", conclúe.